Galego  |  Español  |  English  |  Français                   
Inicio

Susana Seivane
Correo Electrónico

Mapa da Web

Obradoiro

As Nosas Gaitas

Tenda

Documentación

Noticias

Susana Seivane

Contactar
Cando me din que escriba algo sobre Susana, decátome do difícil que é falar sen que se note que é amor de pai. Como tal, non deixo de recordar aquela nena, miudiña, traste e agarrada ao mango dunha vasoira a xeito de micrófono, cantando, bailando e imitando a Miguel Bosé.

Ensinarlle a dixitación nunha frauta, nun punteiro e nun teclado do que hoxe é un vello órgano Farfisa, foi como sementar en terra fértil, axiña nos demos conta de que tiña un don especial, un oído musical capaz de captar unha peza á primeira.


Estabamos ilusionados con esa musicalidade-artística integral: canto, baile, gaita, frauta, piano e instrumentos de percusión galegos: vieiras, pandeireta, tambor, bombo. Dende un principio, dábase conta se a gaita estaba ou non ben afinada e esixía que lla puxésemos ben. Sobre a gaita, había quen me dicía que ía “rebentar”, outros que, aos 15 ou 16 anos, o deixaría todo.

Ela admiraba os gaiteiros e os gaiteiros alucinaban con ela. Aos 10 anos era reclamada para multitude de festivais, coincidindo e compartindo escenario con Ricardo Portela, Moxenas, Henrique Otero, Juanjo Fernández, Os Rosales, Milladoiro… os cales influirían moito na súa carreira.

Creo que os gaiteiros se fan con moito interese, paixón e estudo, pero ademais, mellor se nacen gaiteiros, neste caso, gaiteira, rompendo moldes. Ela di que os gaiteiros e os roqueiros teñen moito en común: unha filosofía, unha forma de ser.


Imaxinabamos que o seu porvir estaría na música pero nunca pensabamos que sería precisamente a gaita a que a levaría como músico profesional polo mundo adiante.

A tímbrica da súa gaita é inconfundible, sobre todo en temas lentos, vibrato, medida dos tempos, ao xeito máis que de músico de gaiteiro, e coa ornamentación xusta logrando, con todo iso algo moi importante e difícil como é o de transmitir o que leva dentro.

Non sigo porque se vai notar moito que son o seu pai.

Susana, se non “rebentaches” e non deixaches de tocar aos 15 ou 16 anos, non deixes de facelo nunca.

Un abrazo do teu pai.

Álvaro Seivane


> Acceder á páxina web de Susana Seivane: www.susanaseivane.com
Obradoiro de Gaitas Seivane
Volteiro, 1-B - 15650 CECEBRE - CAMBRE - A Coruña - España
Tel: (+34) 981 676 656 - Email: obradoiro@seivane.es