|
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
||||||||||||||||||||||||||||||
Segundo os expertos, a gaita, como elemento cultural de posible orixe celta, introduciuse en Galicia posiblemente moito antes da era cristiá. Sexa como fose, o certo é que a gaita é tan remota como a nosa propia historia. Orixe e Transcendencia | A Evolución do Instrumento Literatura da Gaita | Anécdotas de Gaiteiros Orixe e Transcendencia ![]() Comezou sendo un punteiro ao que se lle engadiu un odre de reserva de aire para conseguir un son continuo e independente da insuflación directa. O ronco aparece arredor do século IX e resultou ser un grande avance ao dotar a un punteiro con fol dun pedal grave e constante, que será a base da que derivan e evolucionan as distintas gaitas. No caso da galega, emite a tónica do punteiro, pero dúas oitavas máis grave, e toma xa carta de identidade na propia idade media. ![]() A gaita como instrumento popular pasa, ao longo da historia, por distintos avatares, dende estar condenada pola Igrexa, a ter presenza en todos os acontecementos sociais e litúrxicos. Vive un forte período de declive dende o reinado dos Reis Católicos ata o rexurdimento da cultura galega, no século XIX, chegando, entón, a emerxer con tal forza que algúns gaiteiros case chegaron a equipararse con funcionarios, gozando de contratos de por vida e gran prestixio profesional.
Dende 1936, coa Guerra Civil, ata a década dos 70, volve decaer o seu auxe, polo menos oficialmente. Desprestíxiase a súa utilización, e redúcese ao estritamente folclórico, salvo raras excepcións. A partir de aí, volve, pouco a pouco, popularizarse e é retomada como nunca por persoas recoñecidas cultural e socialmente e, sobre todo, por mozos. Nos anos 90 eclosiona de tal forma que o seu uso e a súa aprendizaxe se fixeron multitudinarios. Nunca na súa historia a gaita gozara dunha aceptación tan grande por todas as capas sociais. Hoxe en día é recoñecida internacionalmente e, coa incorporación do seu estudo no conservatorio, equiparouse a outros instrumentos clásicos. Gaiteiros ilustres como O Rilo, Ventosela, Penalta, Feijoo, gaiteiros de Soutelo, Os Morenos, Os Campaneiros, Os Tempranos, Os Garceiras, Ricardo Portela, Moxenas, Os Cruceiros, Os Montes, Os Rosales… e construtores como Villanueva, Santalices, Carril, Paulino, Xosé Seivane ou Antón Corral, entre outros moitos, contribuíron a manter, dignificar, construír e transmitir o noso instrumento e todo o seu legado durante os anos finais do século XIX e todo o XX. A Evolución do Instrumento Obsérvase nas gaitas antigas conservadas en museos e coleccións particulares, que a súa construción tende a “rústica”. Isto pode deberse, seguramente, á precariedade das ferramentas utilizadas e non aos propios artesáns que demostraron sobradamente a súa pericia e saber musical no seu legado. Na actualidade as técnicas de construción e maquinaria utilizada evolucionaron de modo que se conseguen calibrados e precisión impensables noutras épocas. Segue sendo, non obstante, a mestría do artesán actual a responsable da bondade do instrumento que constrúe.
Aínda que o deseño básico da gaita non variou substancialmente, axústanse os torneados aos gustos actuais, utilízanse materiais nobres como a alpaca ou a prata para os anelados e, como auténticos ourives, tállanse, grávanse ou incrústanse finamente con nácara, prata e outros elementos naturais ou sintéticos, para darlles un acabado realmente artístico a moitos destes instrumentos.
As madeiras utilizadas para a súa construción foron, case sempre, de árbores froiteiras (cerdeira, maceira, oliveira, pereira…), pero a máis valorada era a de buxo. Dende hai bastantes anos constrúense, sobre todo, de madeiras nobres, co que se crean novas tímbricas e se enriquece así a calidade deste instrumento tan antigo. As máis empregadas na actualidade son: granadillo, buxo, pau santo e cocobolo. Outras madeiras nobres tamén empregadas son pao rosa, ébano ou mopane. A pureza do son actual é fruto da búsqueda da perfección na afinación, da investigación tímbrica e do traballo cos harmónicos. Coa creación de novas tonalidades, compleméntase unha gran escala cromática e unha ampla tesitura, o que amplía as posibilidades do instrumento. Literatura da Gaita
Refráns e coplas
A literatura popular bota, do mesmo xeito, man do home e do instrumento en multitude de cantigas, romances, poemas e refráns. Grazas ao noso amigo Xesús Ferro Ruibal, filólogo, escritor e membro da Real Academia Galega, podemos contar, nesta páxina, cunha fenomenal colección de composicións populares que conteñen estas referencias. Quere Xesús que circulen e se espallen, precisamente, entre a xente que entende, quere e toca a gaita: os gaiteiros.
Pregón homenaxe á gaita e ó gaiteiro
Lingüista, músico e musicólogo, ten publicado varios traballos nas tres disciplinas. Foi fundador do grupo folk A Quenlla e, na actualidade produce documentos sonoros no obradoiro de música tradicional que dirixe. O seu traballo máis intenso no ámbito musical encádrase no estudio e investigación da etnomusicoloxía tradicional galega. Sobre esta materia impartiu conferencias, participou en congresos de música tradicional, escribiu na prensa e realizou programas de radio na RNE acadando varios premios pola súa labor. Entre o verso e a prosa, Manuel Rico glosa á gaita e ao gaiteiro no pregón que nos cede amablemente para publicar nesta páxina, e que leu en Ribadulla na homenaxe ao gaiteiro Manuel Texo no ano 2006.
Anécdotas de Gaiteiros
Ricardo Portela Bouzas
de Viascón - Cotobade - PONTEVEDRA (1920-1992) ![]() - “Nótase que non é a primeira vez que toca vostede”. - “Non señor, xa tocara algo esta mañá”. Portela sempre botou de menos o son dunha gaita que fora construída por Antón Represas e que lle roubaron na súa xuventude. En 1979 descubriuno de novo noutra de Xosé Seivane, segundo el, un dos mellores construtores de todos os tempos. Con este novo instrumento, Portela recobra a ferramenta indispensable para levar a cabo a súa tarefa máis querida. Varios foron os punteiros que lle construíu Seivane co afán de poder darlle todo o que el esixía: ton, dixitación “pechada”, etc. Chegou a bautizar a un deles en Dó brillante co nome de “Stradivarius” e non dubidou en afirmar que Xosé Seivane foi o que preservou o timbre das vellas gaitas e perfeccionou a súa afinación. Compartiron Xosé e Ricardo unha profunda amizade e recoñecemento mutuo pola calidade que cada un lle imprimía ao seu traballo ata que a morte sorprendeu o xenial gaiteiro antes de poder gozar a última gaita que lle encargara a Seivane. Susana Seivane, neta de Xosé, compartiu escenario con Ricardo en varias ocasións das cales conserva moi bos recordos. No concurso Memorial Ricardo Portela que cada ano se celebra en Pontevedra, o Obradoiro de Gaitas Seivane doa unha gaita como premio especial á mellor interpretación dunha peza do repertorio daquel home que nos asombrou a todos con aquel “toque pechado” irrepetible.
Hermenegildo Fernández Méndez «HERME»
de A Fonsagrada - LUGO (1918-1996), afincado en Santiago de Compostela. ![]() Unha vez retirado, entrou en contacto co mundo da gaita moderna e comezou a elaborar palletas para surtir as novas xeracións de músicos tradicionais que atestaban toda Galicia. Deixou pegada nesta tarefa xa que son moitos os gaiteiros que aprenderon con el a facer palletas nos lendarios e numerosos cursos que impartiu sobre esta disciplina. Herme era un home recto e de ideas claras. Din os seus discípulos que gustaba de ditar, palabra por palabra, os apuntamentos que recollían cada unha das súas instrucións para construír unha boa palleta que, segundo afirmaba, é o cincuenta por cento da gaita. Amigo de Xosé Seivane, Herme chegoulle a encargar a este sete gaitas afinadas dende La bemol ata Mi. Aínda que lle gustaban as tonalidades graves, gozaba tamén cos seus “caprichos” agudos. Segundo as súas propias palabras no libro Doce polainas enteiras (Ed. Do Cumio, 1998), os instrumentos de Seivane contribuíron co seu timbre, calidade e perfectísima afinación ao alto nivel que hoxe teñen os gaiteiros galegos.
Nazario González Iglesias, «MOXENAS»
de Sárdoma - Vigo - PONTEVEDRA (1934-1995) ![]() Moxenas habería de viaxar ao obradoiro que Seivane tiña, naquela época, en Ribeira de Piquín (Lugo) para recoller o seu encargo. Xosé Seivane esperouno durante toda a tarde, pero Moxenas apareceu ás dúas de madrugada, despois dun longo día de viaxe que o levou, por confusión á Rúa de Valdeorras na provincia de Ourense. Este concello é veciño de Petín e ambos os dous comparten unha única estación ferroviaria Rúa-Petín que deu lugar a múltiples confusións, entre elas a de Moxenas, con Ribeira de Piquín. Aquel foi o comezo dunha gran relación de amizade con toda a familia Seivane. Para Xosé compuxo “Xota para Xosé Seivane”. Tamén Susana Seivane coincidiu con el en varias ocasións e recibiu os seus consellos e a composición de “Agachadiña”, creada especialmente para ela por Moxenas. Tamén poeta, escribiu sobre a gaita: «Se me colles non me rompas Se me tocas faino ben Quen en mín foce, sóbrame e quen me desafine tamén.» |
![]() |