Galego  |  Español  |  English  |  Français                   
Inicio

Noticias
Correo Electrónico

Mapa da Web

Ribeira de Piquín celebrou os 100 anos do nacemento de Seivane

20 de setembro 2021

A celebración arrancou cunha ofrenda floral fronte ao seu busto e un pasarrúas ata a Área Recreativa do Chao de Pousadoiro. Alí a gaiteira local Laura Cabo, de Barangón, interpretaba a Muiñeira de Lugo. Pola chuvia o acto tivo que ser trasladado ao interior do Centro de día, a escasos 50m de onde Seivane tivera o seu obradoiro. Alí houbo unha charla sobre el e a súa recente biografía “Xosé Seivane. A gaita con maiúscula”, libro do profesor da Universidade da Coruña, Xosé Manuel Sánchez Rei, publicado pola Editorial Canela. “Galicia débelle moito” dicía Pablo Quintana, responsable da editorial. Xaime Otero, natural de Soutelo e afincado en Barakaldo viaxou expresamente para homenaxear ao seu compañeiro do grupo dos “Airiños da Ribeira”, e fixo soar novamente a gaita que Seivane lle construíra hai máis de 60 anos. Xunto coa súa muller Eva, outra ribeirega, interpretou un cantar dedicado á súa terra. Xaime, último integrante deste mítico grupo, xunto con Susana Seivane, Daniel Bellón, Pedro Lamas e Carlos Freire, interpretaron algunhas das melodías compostas ou transmitidas por Xosé Seivane. A continuación, Susana presentou o seu último disco \"Dende o meu balcón\", con Saínza Seivane, Fiz e Maren Seivane. En palabras do mestre de cerimonias Xurxo Souto, Seivane foi un home que “mudou para mellorar a historia de Galicia a través da música”, un “mestre de mestres” que converteu a Ribeira de Piquín, “na capital da música galega”. Roberto Fernández, o alcalde de Ribeira de Piquín, salientou que Seivane foi “autodidacta, emprendedor e valente, un referente mundial que foi quen de canalizar os sentimentos desta terra a través da artesanía”.


« volver ao índice de noticias
Obradoiro de Gaitas Seivane
Volteiro, 1-B - 15650 CAMBRE - A Coruña, Galicia, España
Tel: (+34) 981 676 656 - Email: obradoiro@seivane.es