Galego  |  Español  |  English  |  Français                   
Inicio

Noticias
Correo Electrónico

Mapa da Web

A Pastoriza homenaxea a Xosé Seivane no seu centenario

03 de outubro 2021

Foi o 3 de outubro, o último dos tres actos de celebración, despois de Cambre e a Ribeira de Piquín. O momento máis emotivo foi cando os seus fillos e sucesores, Álvaro e Xosé Manuel Seivane, entregaron esta gaita tan especial ao alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, por desexo expreso do patriarca cando se lle dedicou a “Casa da Música Xosé Manuel Seivane” no 2010.

Esta gaita foi feita dun buxo centenario que plantou o pai de Xosé, Francisco, na súa casa natal de Fomiñá. Tras a tala, tivo que secar durante máis de dez anos e repousar outros cinco alternando diversas operacións na madeira, así ata finalmente poder compoñer este instrumento. Precisamente, foi a súa neta, Susana Seivane, quen a fixo soar por primeira vez diante deste edificio. O alcalde Primitivo Iglesias, agradeceu profundamente este agasallo e recordou o orgullo que Xosé Seivane sempre tivo das súas raíces.

Xa no salón de actos do concello, houbo unha charla sobre el e a súa recente biografía “Xosé Seivane. A gaita con maiúscula”, libro escrito polo profesor da Universidade da Coruña, Xosé Manuel Sánchez Rei, publicado pola Editorial Canela. Segundo as palabras de Xurxo Souto, o condutor dos tres actos do centenario, “un monográfico absolutamente referencial”.

Tamén houbo un recital musical en homenaxe ao grupo fundado por Seivane “Os Airiños da Ribeira”, con Susana Seivane, Daniel Bellón, Pedro Lamas e Carlos Freire, que interpretaron algunhas das melodías compostas ou transmitidas por Xosé Seivane. A continuación, Susana presentou o seu último disco, Dende o meu balcón, con Saínza, Brais, Fiz e Maren Seivane.


« volver ao índice de noticias
Obradoiro de Gaitas Seivane
Volteiro, 1-B - 15650 CAMBRE - A Coruña, Galicia, España
Tel: (+34) 981 676 656 - Email: obradoiro@seivane.es