|
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Dende o Obradoiro de Gaitas Seivane, poñemos un especial esmero en todo o proceso de elaboración das nosas gaitas, dende a selección e secado das madeiras, o mantemento e afiado das nosas ferramentas, o desenvolvemento dos diferentes pasos na súa elaboración, o afinado, o acabado e a presentación final. Os Materiais | O Proceso | Personalización Avances Técnicos | Patentes | Proxecto IDIGAITA Os Materiais
Madeira
A madeira é o elemento principal co que se elaboran as gaitas. As máis apreciadas para as gaitas galegas son: mopane, cocobolo, buxo e granadillo.
A elección da madeira dependerá do gusto de cada gaiteiro, pero hai que ter en conta que unhas son máis sensibles que outras aos cambios bruscos de temperatura e humidade. No caso do buxo, a máis sensible, é pouco recomendable para zonas climáticas con temperaturas extremas. Outro punto que hai que ter en conta á hora de escoller a madeira é o carácter tímbrico que lle vai achegar ao instrumento. O buxo é moi apreciado polos solistas pola súa dozura e riqueza harmónica. É a madeira autóctona que máis se utilizou para construír a gaita tradicional galega. A escaseza do buxo e a inquietude por buscar novos timbres, levou os artesáns a buscar madeiras exóticas nobres como o cocobolo, o pau santo ou o granadillo. En concreto o granadillo, presenta unha tolerancia maior aos cambios de temperatura e humidade e achega un timbre cristalino e brillante.
Anelado
![]()
Para a elaboración das anelas utilízanse diversos materiais: metacrilato negro ou imitación a marfil, latón, alpaca, o novo Seinox, prata e mesmo madeira, contrastando coa do instrumento. Aínda que as gaitas antigas non dispoñían de anelas -o que as obrigaba a ser moito máis robustas- a súa utilización cumpre a función de protexer todas as furas de posibles fendas provocadas pola presión das cortizas. O mesmo sucede na campá do punteiro e na copa do ronco, ronqueta e chión que tamén quedan protexidas de posibles fendas debidas a golpes fortuítos ou movementos das madeiras. Á parte desta función primaria de protección, as anelas xogan tamén un importante papel decorativo, distintivo e de personalización. No Obradoiro de Gaitas Seivane, ofrecémoslle ao gaiteiro a posibilidade de gravalas con múltiples deseños, ou co seu propio, así como cun nome ou un recordatorio. Por encarga tamén se seguen facendo gaitas sen anelado, a semellanza das antigas. Unha mención á parte merecen as innovacións no tratamento dos metais introducido por Seivane ao anelado das gaitas. O repuxado ao torno, unha arte propia dos máis finos ourives, foi incorporado ao noso proceso de elaboración obtendo así un axuste perfecto ás madeiras á vez que elegantes e estéticos relevos, rebatidos, fendas ou medias canas.
Vestido
Para a funda ou vestido pódese escoller entre catro diferentes modelos. A funda estándar de veludo, a brocada, a de liño e a dobre, que é unha combinación das anteriores. Para a confección dos vestidos utilízanse veludos, liños e brocados de alta calidade nunha ampla gama de cores. É posible combinar calquera cor, tanto en fundas coma en fleques. O Proceso
O proceso de elaboración empeza coa corta da árbore. Por tradición e comprobación empírica, está demostrado que as mellores épocas de corta son o cuarto minguante da lúa de xaneiro e o cuarto minguante da lúa de agosto. En ambos os dous casos a circulación de sabia é mínima, polo que a súa expulsión será máis doada e rápida. Se esta sabia permanece demasiado tempo na madeira provoca o que nós chamamos madeira “pasmada”, sen vida. Trátase de conseguir un perfecto secado ao mesmo tempo que mantemos a madeira viva. Unha vez cortada, déixase quince días sen cortarlle as ramas para que estas succionen a máxima cantidade de sabia posible. Despois de cortalas, tóranse os madeiros en pezas de 50–60 cm e sérranse lonxitudinalmente en metades e cuartas partes. Con estes cortes a madeira queda distensionada e relaxada e evítanse as típicas fendas no secado posterior.
Comeza entón unha longa sucesión de fases de tratamento das que dependerá, en boa medida, a calidade final da madeira. Entra no local de secado e amoréase convenientemente para que o aire circule libremente entre os tacos. Despois dun ano, vólvese revisar e serrar para eliminar nós e impurezas, e déixase repousar de novo ata completar o proceso de secado que, en total, rolda os 10 anos. Pasado este tempo, é o momento de serrar de novo as pezas coa axuda da intuición e experiencia do artesán e clasificala por dimensións, estabilidade, rectitude de vetas, aparencia estética, cor, gran, fibras, homoxeneidade, etc. e destinar cada peza a unha parte determinada da gaita.
O paso seguinte consiste en darlle forma redondeada no torno (cilindrado) e o seu pase ao almacén de repouso. Pouco a pouco vanse realizando diversas operacións no taller, como trades e desbastes que deben ser suaves e progresivos, evitando agresións físicas fortes para que non rompan as fibras moleculares e a madeira alcance a súa estabilidade definitiva. Entre as diversas actuacións que se realizan no taller e os repousos intermedios poden pasar 5 anos. Trátase de acadar un instrumento de excelente tímbrica e con mínimos cambios físicos no futuro. Personalización
Cada gaiteiro pode personalizar a súa gaita Seivane, elixindo a tonalidade, a madeira, os aneis, a funda, fleques, gravados… Nos aneis e espigos, así como nas partes de madeira da gaita, pódense facer gravados decorativos, conmemorativos ou cun nome propio.
Avances Técnicos Dende o respecto á tradición e no seu desexo de mellora constante e gracias a súa experiencia e estudos, o Obradoiro aposta pola axuda da tecnoloxía actual, que proporciona un alto grao de fiabilidade e precisión ás gaitas Seivane.
![]() Seitor (punteiro de ton regulable), Seipal (pallón sintético), Seinox (anel con propiedades inoxidables), boquillas desmontables, Seipón. Patentes Seivane foi rexistrada como marca na Oficina Española de Patentes e Marcas (OEPM). As investigacións no obradoiro foron materializándose nas invencións acadadas ao longo dos anos, algunhas delas patentadas nesa oficina.
![]() Así, patentouse o pallón sintético Seipal, que se mantén fiel ao son do pallón tradicional de cana, pero cunha gran estabilidade tonal, e rexistrouse a marca Seipal. Outras patentes rexistradas son a válvula de corte incorporada no pallón Seipal, que fai posible silenciar o ronco da gaita, cerrando e abrindo o paso do ar. E o Seitor, punteiro de ton regulable para gaitas, que incorpora un novidoso dispositivo de regulación do ton, que permite correxir as eventuais variacións no ton sen necesidade de sacar o punteiro da gaita. Actualmente, o obradoiro continúa cos seus estudos e segue investigando novas maneiras de mellorar a gaita e facilitarlle o seu labor aos gaiteiros.
O Obradoiro de Gaitas Seivane participa no proxecto de investigación IDIGAITA, en colaboración co CTAG e a Universidade de Vigo (Grupo Sonitum). Trátase de aunar esforzos para combinar o Patrimonio Cultural Musical Galego e as novas tecnoloxías en materiais. A investigación pretende solventar moitos dos problemas actuais que afectan á gaita e enriquecer ó máximo as posibilidades sonoras da mesma. O obxectivo do proxecto é investigar novos materiais con punto verde alternativos á madeira, ou mesmo de reciclar os residuos da propia madeira, para intentar minimizar ó máximo os problemas de mantemento do instrumento, co obxetivo de acadar a estabilidade física, térmica e sonora da gaita. |
![]() |