|
|
|
|
 |
|
|
|
 |
Xosé Manuel Seivane
funda unha das sagas de artesáns e músicos máis prestixiosa do país. A súa actividade no taller da Ribeira de Piquín, Lugo, converteuno nunha lenda. |
|
Álvaro e Xosé Manuel, toman o relevo do seu pai, acadando a excelencia na construción de gaitas e sendo artífices directos da evolución e mellora do instrumento. |
|
Susana Seivane,
célebre gaiteira e multi-instrumentista, cun innato talento musical, é recoñecida internacionalmente polo seu virtuosismo e a súa exitosa carreira musical. |
Un pouco de historia
Os comezos
 Xosé Manuel Seivane Rivas (Fonmiñá, A Pastoriza, Lugo, 1921 – Cambre, A Coruña, 2012) Construíu a súa primeira gaita en 1939, nun pequeno taller deste recuncho da comarca da Terra Chá, creando así o primeiro selo “Seivane”. Aínda que xa era gaiteiro e clarinetista, cumpría o seu sono infantil de facer o seu propio instrumento.
O seu pai Francisco, un grande ebanista, e a súa nai Estrela, dotada dun marabilloso oído musical, achegáronlle unhas bases moi sólidas para desenvolver toda a súa capacidade artesanal. Do seu pai herdou a técnica, ferramentas e as madeiras e da súa nai a sensibilidade musical, especialmente no que se refire á afinación e ton. Dela recibiu tamén as melodías de gaiteiros que xa desapareceran, como Curuxeiras, nacido na Pastoriza, López de Baltar ou Francisco do Crego de Sinde
Cumprindo o seu servizo militar en Pontevedra, entra en contacto co artesán Antón Represas “O Marreco”, co que comparte experiencias e coñecementos axudándolle a construír varias gaitas para o exército.
Era o comezo dun camiño difícil pois, en plena posguerra, as necesidades do momento non pasaban por comprar algo que só achegaba satisfaccións. Naquela época, as gaitas eran construídas polos ebanistas–torneiros, e os gaiteiros afinábanas e facían as súas propias palletas. Moi poucas eran as persoas que reunían a dobre condición de construtor de gaitas e gaiteiro; unha delas foi, sen dúbida, Xosé Manuel.
Con escasos recursos materiais pero dotado cun gran talento e enxeño, como persona habilidosa que era, conseguiu reunir as condicións necesarias para desenvolver a técnica construtiva dende un profundo sentimento musical. As súas expectativas víronse cumpridas e, anos máis tarde, casa e establécese en Ribeira de Piquín (Lugo). Nun primeiro momento, abastece unicamente aos gaiteiros do seu ámbito, pero pronto ensanchará máis e máis o seu campo de acción ata superar os límites do Estado e converter o obradoiro en lugar de peregrinación de gaiteiros e amantes da música tradicional de Galicia.
A continuación
 Os seus fillos, Álvaro (Ribeira de Piquín, Lugo, 1952) e Xosé Manuel (Ribeira de Piquín, Lugo, 1964) seguen os seus pasos dende moi nenos da mesma forma que lle acontecera a el con respecto ao seu pai. Ao seu lado van recibindo os pequenos segredos do traballo diario, os que xorden co tacto diario da madeira, así como a capacidade para recordar o son ao escoitalo, impregnándose para sempre do timbre da marca Seivane.
No ano 1972, Álvaro trasládase a Barcelona, estuda Mestría Industrial e inicia Enxeñería. Establécese alí durante catorce anos, traballa no sector industrial (deseño e construción de utillaxes e prototipos), no que adquire unha experiencia moi valiosa que aplicaría no futuro á artesanía, e compaxina o seu traballo coa construción de gaitas no seu obradoiro creado á imaxe e semellanza do do seu pai. Dende alí abastecerá aos centros galegos de Cataluña e mesmo de Europa.
En 1986, Álvaro decide regresar a Galicia co proxecto de crear xunto co seu pai e irmán o que logo será o Obradoiro de Gaitas Seivane, o que animará a todos a unirse de novo. Mentras tanto instálase en Cambre (A Coruña), e vai preparando a infraestructura do actual obradoiro. Intercambia traballos e formas de ver co taller da Ribeira de Piquín. É unha etapa moi ilusionante ao dedicarse de pleno á gaita e moi fructífera na na investigación, co achado do fol de fibras transpirables (Goretex) ou o estudo de patróns e líneas ergonómicas ata chegar ós foles actuáis, que foron estandarizados pola maioría dos artesáns.
En 1994, en contra do proverbial minifundismo galego, toda a experiencia adquirida por cada un deles fóndese para formar, en Cambre (A Coruña), o actual Obradoiro de Gaitas Seivane.
Así, partindo dun oficio que era prácticamente individual e con prazos de entrega moi longos, créase unha empresa familar pioneira en Galicia, con más capacidade de produción, coa pretensión de modernizar os tradicionais sistemas construtivos e sobre todo de investigar seria e profundamente todos os aspectos relacionados coa gaita para ofrecer a máis alta calidade nos seus produtos.
A nova xeración
Un aire novo chegou coa creatividade de Susana Seivane (Barcelona, 1976) filla de Álvaro, que aos cinco anos xa tocaba a gaita e aos dez participaba en festivais como solista. Este feito tivo unha forte influencia nos mozos, especialmente nenas, que dende moi pronto se incorporaron ao mundo da gaita. Susana é hoxe unha das intérpretes de gaita máis recoñecidas a nivel internacional.
|
|
Saínza Seivane, irmá de Susana, e na actualidade a única muller en Galicia que se dedica á construción de gaitas. Moisés Facal Rial e Miguel Casal Casal, son artesáns que forman, así mesmo, parte do Obradoiro de Gaitas Seivane. |
A actualidade
 Álvaro e Xosé, responsables directos do obradoiro, van creando novas maneiras de entender a elaboración, aplicando as últimas tecnoloxías e máquinas de precisión, ao servizo da técnica artesanal.
Esta combinación entre o primario espírito artesanal e a tecnoloxía, o gusto polo ben feito, a creatividade conxénita e a intuición sonora son os pilares onde se sustenta a firma Seivane, distinguida pola marcada personalidade dos seus produtos e a súa excelente calidade. Pioneiros na evolución do instrumento, marcarán un antes e un despois na construción de gaitas e serán un modelo para imitar.
Susana leva polo mundo o nome de Seivane, os seus instrumentos e o mellor do repertorio tradicional galego.
A filosofía Seivane
Dende os seus comezos, o Obradoiro de Gaitas Seivane, a través das distintas accións, construción, presentación, divulgación, comercialización, estudo e investigación, tivo sempre o desexo de dignificar a gaita, o instrumento musical símbolo de Galicia, e levala ás máis altas esferas da música e ao máximo nivel de valoración, co que hoxe en día se lle recoñece internacionalmente.
Como tamén o fixeron e están facendo moitas persoas e colectivos, ás veces a contra corrente e sen medios, o obradoiro traballa para conservar e potenciar a música tradicional galega como un ben inmaterial e sumar ao patrimonio este tesouro cultural herdado, que hai que coidar, amar e transmitir. Orgulloso da súa cultura e coa teima de enaltecer a gaita e poñela en valor, vaise facendo país e medrando en cultura e identidade.
Co propósito de que o gaiteiro dedique a maior parte do seu tempo a tocar e reducir ao mínimo o mantemento do instrumento, a gaita é sometida a un exhaustivo control para que responda a estritos estándares de calidade para poder ofrecerlle ao gaiteiro unha garantía e fiabilidade que lle permita chegar a cotas que antes eran impensables para a gaita. Por este motivo, o obradoiro ten limitada intencionadamente a súa produción.
Co respecto á produción artesanal, o instrumento tradicional vese inmerso no proceso creativo, e o obradoiro pon a tecnoloxía máis moderna, as novas técnicas construtivas e as máquinas de precisión ao servizo do oficio artesanal.
Co desexo de que o mundo da gaita siga medrando, evolucionando e dignificándose, o obradoiro aposta por estar presente e seguir colaborando coa súa investigación e achados, inspirando as xeracións vindeiras, como un referente construtivo e un exemplo de dedicación ao oficio. |
|
 |
A nosa achega
Nos últimos 50 anos, a gaita enriqueceuse enormemente e o obradoiro, aberto a comunicar e recibir calquera achado, participa en moitos dos diversos estudos que se desenvolven para unificar criterios e actualizar o instrumento.
Mostra deles son a unificación das palletas para conseguir que os artesáns produzan palletas máis estandarizadas e de indubidable calidade que redundan nunha maior pureza do son dos punteiros. A recuperación do fol de cabrito, o fol innato da gaita, desterrando outros foles feitos con materiais prexudiciais para as palletas, tempero e gaita en xeral, como o fol de goma ou outros similares, e a introdución do actual fol de fibras transpirables.
Melloras acústicas e musicais
 No terreo acústico e musical tamén se conseguiron, nos últimos anos, relevantes melloras, e o Obradoiro de Gaitas Seivane é un referente inequívoco na investigación e evolución do instrumento. As súas gaitas actuais ofrecen un rexistro dunha oitava e media e pódense alcanzar, cunha técnica especial, case as dúas oitavas. Á vez que ofrecen un cromatismo de calidade nada desprezable o que abriu, nas últimas décadas, novas posibilidades musicais.
 Co perfeccionamento da afinación e o achegamento da escala natural da gaita á escala temperada, establécese unha relación de compromiso entre as dúas escalas e co traballo nos harmónicos conséguese que esta se adapte a outros instrumentos clásicos ou modernos, sen perder as características naturais propias da gaita.
No referente ás tonalidades, ademais de perfeccionar as tradicionais como son o Si bemol (tumbal), Dó (redonda) ou Re (grileira), desenvolveuse unha extensa gama cromática entre Dó4 e Sol5, co que se fan posibles novas posibilidades harmónicas con distintas combinacións de tonalidades.
Así mesmo, Seivane acadou unha tímbrica característica que creou escola, tanto no que se refire aos punteiros, coma ao empaste xeral dos roncos. A dixitación “pechada” foi rescatada, definida e unificada o que contribuíu, sen dúbida, á súa extraordinaria expansión actual. A utilización de tranquillas para o modo menor viuse potenciada, xa que proporciona un grao de perfección considerable, fronte ao uso anterior e impreciso de tapar a medias os buratos.
Avances e innovación
 Sen perder de vista a súa orixe e autenticidade, acadáronse múltiples avances técnicos que deron como resultado innovadores produtos, algúns deles patentados polo obradoiro, tales como o efectivo pallón sintético Seipal coa válvula de corte incorporada, o novo sistema de válvula do soprete Seipón, a boquilla desmontable do soprete, o punteiro de afinación regulable Seitor ou o novo material Seinox con propiedades inoxidables para os aneis.
A referencia Seivane
 O coidadoso acabado propio de instrumentos clásicos, o deseño estético e ergonómico dos instrumentos, o estilo inconfundible dos seus produtos, a personalización, a gran variedade de gaitas e a ampla gama de complementos para o transporte, a protección e o mantemento do instrumento, fixo do Obradoiro de Gaitas Seivane unha referencia na construción de gaitas.
Estímase que, entre un 85 e un 90 por cento das gaitas galegas modernas que circulan e soan por todo o mundo, son produto directa ou indirectamente da “Escola Seivane”, en canto que foron construídas tomando como base os resultados empíricos do obradoiro ao longo da súa historia.
|
|
|