|
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
||||||||||||
Cando me din que escriba algo sobre Susana, decátome do difícil que é falar sen que se note que é amor de pai. Como tal, non deixo de recordar aquela nena, miudiña, traste e agarrada ao mango dunha vasoira a xeito de micrófono, cantando, bailando e imitando a Miguel Bosé.
Ensinarlle a dixitación nunha frauta, nun punteiro e nun teclado do que hoxe é un vello órgano Farfisa, foi como sementar en terra fértil, axiña nos demos conta de que tiña un don especial, un oído musical capaz de captar unha peza á primeira.
Estabamos ilusionados con esa musicalidade-artística integral: canto, baile, gaita, frauta, piano e instrumentos de percusión galegos: vieiras, pandeireta, tambor, bombo. Dende un principio, dábase conta se a gaita estaba ou non ben afinada e esixía que lla puxésemos ben. Sobre a gaita, había quen me dicía que ía “rebentar”, outros que, aos 15 ou 16 anos, o deixaría todo. Ela admiraba os gaiteiros e os gaiteiros alucinaban con ela. Aos 10 anos era reclamada para multitude de festivais, coincidindo e compartindo escenario con Ricardo Portela, Moxenas, Henrique Otero, Juanjo Fernández, Os Rosales, Milladoiro… os cales influirían moito na súa carreira. Creo que os gaiteiros se fan con moito interese, paixón e estudo, pero ademais, mellor se nacen gaiteiros, neste caso, gaiteira, rompendo moldes. Ela di que os gaiteiros e os roqueiros teñen moito en común: unha filosofía, unha forma de ser.
Imaxinabamos que o seu porvir estaría na música pero nunca pensabamos que sería precisamente a gaita a que a levaría como músico profesional polo mundo adiante. A tímbrica da súa gaita é inconfundible, sobre todo en temas lentos, vibrato, medida dos tempos, ao xeito máis que de músico de gaiteiro, e coa ornamentación xusta logrando, con todo iso algo moi importante e difícil como é o de transmitir o que leva dentro. Non sigo porque se vai notar moito que son o seu pai. Susana, se non “rebentaches” e non deixaches de tocar aos 15 ou 16 anos, non deixes de facelo nunca. Un abrazo do teu pai. Álvaro Seivane
> Acceder á páxina web de Susana Seivane: www.susanaseivane.com
|
![]() |