Seivane

Cambre acolleu o primeiro acto de celebración do centenario do nacemento de Xosé Seivane.

22 06 2021 Cambre scaled

Xosé Manuel Seivane Rivas (Fonmiñá, A Pastoriza, Lugo, 1921 – Cambre, A Coruña, 2012) construíu a súa primeira gaita en 1939, nun pequeno taller deste recuncho da comarca da Terra Chá, creando así o primeiro selo “Seivane”. A súa actividade no taller da Ribeira de Piquin, Lugo, converteuno nunha lenda en vida. Este ano cumpriría 100 anos.

Foron dúas horas de programación. Na primeira hora houbo unha mesa redonda sobre a súa figura titulada “Seivane no mundo da gaita” dirixida polo profesor da UDC e escritor da súa biografía, Xosé Manuel Sánchez Rei. E na segunda hora, a partires das 19:30h, houbo recitáis musicais, que incluían un tributo ós “Airiños da Ribeira” o popular grupo de Xosé Seivane, no que participaron Susana Seivane, Daniel Bellón, Pedro Lamas e Carlos Freire. Tras presentar a gaiteira o seu último disco “Dende o meu balcón”, subiu ao escenario a coñecida como “banda do balcón”: Susana Seivane, Saínza Seivane e os nenos da familia Seivane. Finalmente houbo un fin de festa protagonizado polo Grupo Tradicional Sementeira de Cambre, co seu mestre Luis Bolón á cabeza. O acto foi maxistralmente presentado polo grande Xurxo Souto. E gravado pola TV pública alemana NDR, Programa “Mare”.

O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, sinala o “orgullo que supón para o concello contar cunha familia ilustre como a Seivane, que tanto fixo e segue facendo polo mundo da cultura e da música de Galicia”. A concelleira de Cultura, Mónica Varela, destaca o importante papel que xogou Xosé Seivane “á hora de poñer en valor a música de Galicia, un fito polo que sempre estaremos en débeda con el”.

 

22 xuño 2021