A continuación, poñemos á súa disposición a información que figura no manual que acompaña a todas as nosas gaitas. Se vostede o desexa, pode descargar en formato PDF a versión impresa do manual que se envía con cada gaita.
Cando abra a embalaxe do seu instrumento (caixa de cartón ríxido), atopará os seguintes elementos:
Nel poderá atopar diversos e interesantes trucos para a conservación e o mantemento da súa gaita.
Estoxo de alta calidade, deseñado para ofrecer un cómodo transporte e unha excelente protección física e térmica. Dispón de higrómetro, varios petos externos, un departamento para os efectos persoais e ocos internos para os accesorios da gaita. Grazas á versatilidade das súas asas, pode levarse de bandoleira ou mesmo de mochila.
Construída e revisada no Obradoiro de Gaitas Seivane co máis alto nivel de calidade. Para montala soamente será necesario unir as partes do ronco que están separadas para o seu transporte.
Inclúe unha palleta, unha válvula (Seipón) para o soprete, dúas válvulas (Seipal) e un botón.
Conxunto de tres baquetas deseñadas especialmente para a limpeza das partes internas da gaita. Consta dunha baqueta para eliminar a condensación que puidera formarse nos espigos do ronco en tempo húmido, outra para o soprete, e unha terceira para o punteiro.
Aceite de améndoa de alta calidade, só para a limpeza interna do punteiro. Non usar noutras partes da gaita, podería perxudicar as válvulas do Seipal e Seipón.
Recoméndase botar como na foto, unhas tres gotas por un furado e a continuación untar coa baqueta de limpeza. Frecuencia de uso, dúas veces ó ano.
A pesar de estar nun bote hermético, o Seite é vulnerable á calor, polo que o recomendamos ter na casa.
Capuchón feito en madeira de buxo que colocado no punteiro protexe a palleta e introducíndolle a boquilla desmontable do soprete, permite tocar directamente co punteiro.
Para facer de base do despunte da palleta.
Para a limpeza xeral do instrumento, co obxecto de eliminar o ácido que as mans deixan sobre este.
Especial para lustrar as anelas metálicas da súa gaita (incluída soamente en modelos de gaita con anelados metálicos, excepto Seinox). Poden utilizarse outros produtos para limpeza de prata, tendo especial coidado de non os aplicar sobre a madeira.
Para o raspado e despuntado da palleta.
Especial para lubricar as cortizas. A pesar de estar nunha caixa hermética, o Seibo é vulnerable á calor, polo que o recomendamos ter na casa. Non é necesaria a súa conservación en frío. Sobre a cantidade precisa, o Seibo que se subministra coa gaita debe durar de 4 a 5 anos.
Documento audiovisual sobre Seivane.
A gaita componse das seguintes partes (segundo configuración):
O ronco componse de tres partes (prima, segunda e copa) enlazadas entre si polos espigos, que serven á vez para afinalo. Proporciona unha nota pedal grave e constante (dúas oitavas por debaixo da tónica do punteiro), que apoia harmonicamente á melodía. A súa fonte sonora é un pallón: pequeno tubo cunha lámina vibrante simple.
A ronqueta consta de dúas partes e, ao igual que o ronco, emite unha nota continua pero esta vez unha oitava por debaixo da tónica do punteiro. Tamén ten un pallón como fonte sonora.
A ronqueta pode levar unha chave para abrir ou pechar o paso do aire (cortar o son).
O chión tradicional leva, como fonte sonora unha palleta de lámina dobre igual á do punteiro. Emite a nota dominante ao unísono con este último polo que, ao estar unha quinta por enriba da tónica, resulta de gran valor harmónico nalgunhas melodías. Caracterízase fundamentalmente pola intensidade do seu son enxebre e polas disonancias coas notas próximas, especialmente coa sexta menor. Pode dar a sensación de que están a soar dúas gaitas a dúo, sobre todo en espazos abertos.
Despois dun proceso de estudo e investigación, o Obradoiro de Gaitas Seivane comercializa dende a década dos 80, o máis recente chión de pallón que, como o seu nome indica, utiliza un pequeno pallón como fonte sonora. As súas características físicas e acústicas son distintas, con respecto ao de palleta, a pesar de que tamén emite a dominante do punteiro, se ben unha oitava máis grave. Desta forma, as disonancias redúcense ao mínimo ou deixan de existir. O seu volume é moito máis suave e melódico, e a súa relación coa tónica do punteiro é distinta: unha cuarta xusta descendente.
Existe outro chión tamén de pallón, pero pouco utilizado no Obradoiro de Gaitas Seivane. Emite a tónica do punteiro a unísono. O seu principal problema radica na súa disonancia coa sensible, ademais de non achegar demasiado harmonicamente, ao repetir a tónica do mesmo modo que o ronco e a ronqueta.
O chión pode levar unha chave para abrir ou pechar o paso do aire (cortar o son).
É a parte da gaita que produce a melodía. Ten un interior cónico -propio das gaitas atlánticas- con oito buratos melódicos e tres máis chamados oídos sonoros. A súa fonte sonora é unha palleta de lámina dobre, parecida ás do fagot, que produce un son forte e cargado de harmónicos.
Unha pequena rosca no aloxamento da palleta, permite que quede ben suxeita, evitando que se caia no interior do fol. Para colocar a palleta, xirar á dereita e para extraela xirar á esquerda.
Se dispón do Seitor, punteiro que incorpora o novo sistema de ton regulable, poderá correxir as eventuais variacións no ton sen necesidade de sacar o punteiro da gaita.
Son as pezas que unen os tubos sonoros e o soprete co fol, ao que están firmemente atadas e polas que entra ou sae o aire.
O patentado pallón Seipal sintético, coas válvulas de corte incorporadas, é o resultado de longos estudos do Obradoiro de Gaitas Seivane, buscando unha estabilidade tonal en calquera circunstancia de humidade e temperatura, pero manténdose fiel ao son do pallón tradicional de cana.
É o elemento constitutivo da gaita que máis a caracteriza e a diferenza. Fai a función de almacén de aire que entra polo soprete e distribúeo aos distintos tubos sonoros -punteiro, ronco, ronqueta e chión- cunha presión controlada polo brazo do gaiteiro. Desta presión dependerán en boa medida, a boa afinación e tempero do instrumento.Tradicionalmente facíase da pel da cabra pero, dende hai anos, utilízase tamén o de vaca ou, máis recentemente, o Gore-Tex®.
Funda de material téxtil que recobre e protexe o fol á vez que lle dá forma, consistencia e mellora a súa presentación. A elección do tecido e cores adoita definir a personalidade do gaiteiro.
Borlas e flocos de adorno a xogo coa funda.
Serve para insuflar o aire no fol, evitando que este retroceda mediante unha válvula de retención. Recentemente desenvolveuse un novo sistema de válvula denominado Seipón, que ademais doutras vantaxes, aumenta a fiabilidade e permite unha substitución moito máis simple e rápida.
Os novos modelos contan coa boquilla desmontable e intercambiable que favorece a súa limpeza e que pode ser substituída por outras de igual ou distinta lonxitude. Inseríndoa no capuchón de buxo protector da palleta, permite tocar directamente co punteiro.
Para extraer a boquilla do soprete, unha boa práctica que evita roturas é sacar a boquilla de forma alineada con respecto ó corpo do soprete, evitando unha presión excesiva ou un esforzo incontrolado lateral.
É a parte máis delicada e caprichosa da gaita e está formada por dúas láminas de cana, atadas sobre un tubo metálico chamado tudel. Produce o son orixe do punteiro.
O pallón é o elemento que produce o son orixe do ronco, ronqueta e chión segundo o caso. O pallón tradicional é un tubo de cana dunha soa peza, á cal se lle levanta unha lámina vibrante por incisión sobre o propio tubo.
No Obradoiro de Gaitas Seivane fanse gaitas en todas as tonalidades, dende Dó4 a Sol5. Ademais, cos kits de tonalidade existe a posibilidade de mudar o ton da gaita intercambiando ou engadindo algunhas pezas. Consúltenos, por favor.
O seguinte vídeo mostra a táboa de posicións de dixitación, referida á gaita en Dó. Para os demais tons, e por motivos prácticos, usarase os mesmos nomes de nota, aínda que o seu son sexa distinto.
Hai notas con varias posicións, ás veces con diferenzas microtonais entre elas, que poden dar xogo para corrixir puntualmente a afinación, dependendo do estado e das circunstancias (palleta, punteiro, clima…). Permiten, igualmente, conseguir a escala temperada se se ha de tocar con instrumentos clásicos que a utilicen, ou usalas por comodidade en determinadas pasaxes que se interpreten.
Coa dixitación ordenada de forma natural, sen “tranquillas”, obtense a escala semitemperada que é a afinación actual da gaita galega, e sitúanse a medio camiño entre a escala natural conxénita da antiga gaita e a escala temperada moderna.
Se vostede o desexa, pode descargar en formato PDF a versión impresa do taoba de dixitación:
Por diversos motivos e en determinadas ocasións, pode que o punteiro non afine correctamente por descompensación da súa escala, é dicir, pola aparición de desviacións tonais en máis ou en menos da parte alta do punteiro con respecto á súa tónica. A causa máis corrente adoita ser o “estado anímico” da palleta, pois as condicións ambientais aféctanlle moi directamente. Ás veces, poden corrixirse estas desviacións tocando durante certo tempo para aclimatar a palleta e o punteiro, pero non sempre sucede así. A palleta nova case sempre ha de ser readaptada mentres que a usada é normalmente máis estable. Non obstante, chega un momento en que esta pode entrar nun estado de cansazo e entón é recomendable axustala de novo para seguir usándoa.
Moxenas afirmaba que “o gaiteiro pasa media vida afinando e outra media tocando desafinado”. Se ben, no momento actual isto é, en xeral, menos certo, esta aseveración debe ser entendida como a preocupación e meticulosidade do gaiteiro por controlar a estabilidade da afinación do seu instrumento, pois desta depende o éxito final e o grao de satisfacción.
Deben dominarse todas estas ideas básicas para logo poder combinalas, experimentando, ata chegar a conseguir o que mellor convén en cada caso.
Un truco moi bo e inédito consiste en atar con fío, a partir do freo, sobre as pas de forma similar ao atado principal. Isto permítenos, atando máis ou menos, subir o ton. É un recurso moi eficaz, sobre todo en tempo frío ou con palletas que soan moi graves e que para facelas subir, habería que cortalas moito co que tamén se produciría descompensación.
Obradoiro de Gaitas Seivane pode ofrecerlle ao usuario a seguridade de que ten nas súas mans un produto da máis alta calidade.
Este sitio web utiliza cookies
Usamos cookies para personalizar o contido e os anuncios, proporcionar funcionalidades de redes sociais e analizar o noso tráfico. Tamén compartimos información sobre o teu uso do noso sitio cos nosos socios de medios sociais, publicidade e análise, que poden combinalo con outra información que lles proporcionaches ou que recolleron do teu uso dos seus servizos.
Necesarias
As cookies necesarias axudan a facer unha web utilizábel habilitando funcións básicas como a navegación na páxina e o acceso a áreas seguras da web. O sitio web non pode funcionar adecuadamente sen estas cookies.
Preferencias
As cookies de preferencias permiten que un sitio web lembre información que cambia a forma en que o sitio se comporta ou parece, como a túa lingua preferida ou a rexión na que estás.
Estatísticas
As cookies estatísticas axudan aos propietarios dos sitios web a comprender como os visitantes interactúan coas webs recollendo e informando información de forma anónima.
Marketing
As cookies de marketing úsanse para seguir aos visitantes nos sitios web. A intención é mostrar anuncios que sexan relevantes e atractivos para o usuario individual e, polo tanto, máis valiosos para os editores e anunciantes terceiros.
As cookies son pequenos arquivos de texto que os sitios web poden usar para facer a experiencia do usuario máis eficiente.
A lei di que podemos almacenar cookies no teu dispositivo se son estritamente necesarias para o funcionamento deste sitio. Para todos os outros tipos de cookies necesitamos o teu permiso.
Este sitio utiliza diferentes tipos de cookies. Algúns cookies son colocados por servizos de terceiros que aparecen nas nosas páxinas.
Podes cambiar ou retirar o teu consentimento da Declaración de Cookies no noso sitio web en calquera momento.
Aprende máis sobre quen somos, como podes contactarnos e como procesamos os datos persoais na nosa Política de Privacidade.