A relación que se establece entre un gaiteiro e o seu instrumento é algo moi especial e persoal. Estas son algunhas das sensacións, que sobre as gaitas do Obradoiro de Gaitas Seivane teñen os gaiteiros dos que a continuación lle ofrecemos os seus testemuños.
“Obras de arte, instrumentos insuperables, estabilidade e precisión na afinación, fiabilidade, a gaita ten en Seivane a súa seña de identidade, sonoridade propia, o seu son inconfundible, tímbrica que chega a emocionar, capaces de afinar con calquera outro instrumento musical, exquisitez e garantía, a galeguidade do instrumento, os mellores construtores de gaitas, Seivane é garantía de por vida, teñen o timbre do país, Os Seivane forman parte xa da historia de Galicia”.
Gaiteiro e profesor de música tradicional na Asociación Ourensá de Folclore Tradicional (AOFT) e na Escola de Música Tradicional de Ourense.
Dende o meu primeiro contacto coa música tradicional, na Aula de Música Tradicional «Gomes Mouro» de Ourense, teño gravado na memoria o timbre dunha gaita de buxo, de quen por entón era un dos meus mestres de gaita e hoxe é un compañeiro de cuarteto. Aquela gaita de buxo Seivane e o seu timbre foi o que me marcou a hora de buscar unha sonoridade no meu instrumento.
Unha das cousas que máis me gustan das gaitas Seivane, é que aportan moitísimo ó gaiteiro ou intérprete de hoxe en dia, cando a gaita está a tomar multitude de camiños. Xa sexa nas diferentes formacións, solistas, cuartetos…, na interpretación de pezas facendo música de cámara con instrumentos denominados «cultos», nos novos repertorios ou nun apartado máis contemporáneo… en todos eles, se precisa un instrumento versátil, que se adecúe ás diferentes dixitacións para lograr sobretodo, a estabilidade e precisión na afinación que estes instrumentos conseguen.
Como gaiteiro solista, encántame tocar e xogar con diferentes bordóns en distintas afinacións. Nestas gaitas conséguese un gran empaste e estabilidade gracias o traballo de investigación que hai detrás, no que destaca a calidade do timbre e a dozura do seu son.
Quero darlle as gracias á familia Seivane, primeiro no persoal, xa que dende que os coñecín, o seu trato hacia min foi impresionante e gracias no terreo musical, por aportar estes instrumentos, seguir evolucionando e solucionando as inquietudes e esixencias dos gaiteiros.
Por todo eso, moitas gracias!
Virtuoso músico galego e profesor no Conservatorio Profesional de Música de Viveiro e na Escola de Música de Foz. Moitas das súas obras son temario obrigado nos principais conservatorios galegos.
No ano 1995 coñecín a ghaita! Todo comezou cando decidín apuntarme a un grupo de gaitas que había no Barqueiro, da mao do mestre Xan Barcón, el ensinoume a paixón polo instrumento e o oficio de gaiteiro, e puxo no meu coñecemento a existencia dunha familia (OS SEIVANE) que dende aquel entón trocou a miña vocación, acrecentándoa cada vez máis.
Lembro como se fora hoxe cando chegou a min aquela gaita de granadillo en dó e descubrín todo o que unha gaita de Seivane ten no seu interior. A parte dunha calidade sonora e de afinación moi boa, ese son a terra, ese gusto de gaiteiros antergos herdado, unha caixa de bos recordos e un páxina en branco que cada un de nos temos a obriga de escribir.
Outro momento que recordarei sempre con especial cariño foi o día que fun o taller e coñecín ao clan Seivane. Que nervios nese momento cando me dixeron “toca algo, rapaz”! Inda me tremen as pernas ao recordalo, pero a verdade é que dende aquela cada vez que vou alí e me dan a oportunidade de botar alghunha peciña, éncheseme o peito de orgullo.
Na miña experiencia ata o momento, nunca me deixou tirado unha gaita de Seivane, nin en foliadas, nin en auditorios e salas de concertos, ben fora tocando o lado dun tamboril de pelexo, dun piano ou dunha guitarra eléctrica. Compráceme ver a evolución en pouco tempo deste instrumento, que moito se debe á familia Seivane.
Hoxe en día teño unha gaita en dó, re e sib de granadillo, e outra de buxo, que podo dicir que funcionan de marabilla e que dan un gusto especial a calquera tema que se poda tocar cunha ghaita, ben sexa o máis tradicional como os máis contemporáneos.
Para rematar, desexo volver tamén a un recordo que tódalas mañás cando me levanto e vou a ensaiar rememoro. Unha frase que lle escoitei a D. Xosé Seivane:“Un día a gaita falou, e dixo: límpame e afíname ben na casa que che hei de deixar quedar ben na praza”.
Gracias polas vosas gaitas e por ser así a todos: Xosé, Álvaro, Xosé fillo, Susana e toda a xente que traballades para que non desapareza ese son das gaitas de Seivane.
Un dos gaiteiros máis laureados da historia, posee o Trofeo Macallan 2003, gañador en tres edicións do Concurso Constantino Bellón e en catro do Avelino Cachafeiro, entre outros. Músico e profesor de gaita na escola de música BellónMaceiras en Fene.
Cando temos 11 anos, un non lle da o valor real ás cousas, aínda que o teñan. Ese foi o meu caso, cando fun unha tarde de marzo alá polo 96, pola miña primeira gaita.
Co paso do tempo fun aprendendo o que tiña realmente nas mans. Axiña comprendín que a gaita estaba feita con algo máis que madeira, pois no seu son inconfundible percibíase. Un comeza a preocuparse non só de interpretar simplemente unha peza. No meu caso, esto último abarcaba de cheo a técnica e sobre todo dunha maneira moi estricta a afinación.
Gracias a xente como os Seivane, xa que pola súa entrega á gaita, todas estas inquedanzas que temos os gaiteiros, vense aliviadas.
Matrícula de Honra fin de carreira polo Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Trompetista da Unidad de Música de la Guardia Real. Como gaiteiro é gañador do Certame de gaita e tamboril de Tui 2022 e premiado no Trofeo MacCrimmon de Lorient, onde foi subcampeón no 2023.
En Agosto de 2003, fun cos meus pais ver o concurso de Gaiteiro Solista de Soutelo de Montes-Forcarei. Ese día cambiou a miña vida, despois de escoitar a Edelmiro Fernández e a Daniel Bellón (entre outros) entendín que a gaita era un instrumento único, complexo, versátil e cun timbre que me atrapou para sempre. Era sobre todo ese son, o das gaitas Seivane, e aquela afinación tan precisa, algo que xamáis tivera ocasión de escoitar a eses niveis de mestría.
Ao ano seguinte, puden aforrar o suficiente para comprar un punteiro en Dó, de buxo, tallado a man por D. Xosé Seivane, unha xoia que me segue acompañando dende entón. 20 anos despois, a día de hoxe, teño entre todos os meus instrumentos, unha gaita en Dó de granadillo máis sete punteiros de Seivane en tonalidades comprendidas entre o Sol grave e o Re agudo. Cada un ten unha maneira de falar, de sentir e de expresar de forma xenuína, sen embargo todos eles gardan en común esa feitura tan impecable que ten calquera peza (xa sexa un punteiro, un soprete ou unha vestimenta) que sae do Obradoiro Seivane.
Teño a inmensa sorte de poder tocar a gaita en numerosas ocasións coa Unidad de Música de la Guardia Real, sendo a miña gaita Seivane, co sistema Seitor, unha garantía de ferramenta fiable e precisa para desempeñar o meu papel da maneira máis satisfactoria.
Sendo honestos, sería impensable entender a historia da gaita sen o Obradoiro Seivane.
Prestixioso gaiteiro do célebre grupo de música folk Milladoiro.
Cando falamos do rexurdimento da música tradicional galega moitas veces facemos recaer o mérito somentes nos intérpretes da mesma, esquecéndonos da importancia da intendencia , dos artesáns e sen o traballo destes, que souberon estar a altura, perfeccionando cada vez máis os instrumentos , sobre todo a gaita, non sería posible ese rexurdimento. Se aquí en Galicia hai un obradoiro de gaitas a quen lle debemos recoñecer a súa labor, ese é o da saga Seivane.
Leonardo Da Vinci, o xenial artista do renacemento dicía: “Non hai arte onde o espírito non traballa coa man”. Penso que a cita é moi apropiada para definir nunha frase curta o traballo feito por estes magníficos artesáns que son os Seivane; as gaitas feitas polas súas mans son auténticas obras de arte que, pola súa sonoridade, convértense en instrumentos axeitados para que os gaiteiros poidamos transmitir a alma, o espírito do noso pobo a través desa linguaxe universal que é a música.
Visitar o obradoiro de gaitas SEIVANE é sempre unha gozada. Podes disfrutar dunha conversa co vello, e sabio, artesán José, seguir co pousado e aplomado falar dos seus fillos ata rematar nunha interpretación chea de pulcritude e virtuosismo da neta gaiteira, Susana.
Gañador do MacCrimmon 2009, recoñecido gaiteiro e mestre de gaita.
Quero expresar o meu recoñecemento ao Obradoiro Seivane xa que, produto da súa paixón pola gaita, consegue conxugar pasado, presente e futuro dun instrumento que significa algo máis que iso… é a esencia musical dunha cultura, dun pobo.
Tres xeracións comprometidas coa tradición pero tamén aliadas á necesaria evolución e á constante mellora. É deste xeito como o obradoiro oferta unha ampla gama de instrumentos de talle profesional á que se engaden unha serie de complementos que maximizan o seu rendemento e que permite personalizalos e acadar pezas únicas.
Sen dúbida, as gaitas Seivane supoñen unha das mellores escollas posíbeis tanto para os intérpretes consagrados como para aqueles que comezan o seu camiño.
Gaiteiro e frautista en Celtas Cortos, mestre, creador audiovisual, compositor e editor de bandas sonoras, documentais e películas.
Comecei a tocar a gaita aos 6 ou 7 anos, pero non foi ata que chegou a primeira “Seivane” a casa, que me din conta que tiña nas miñas mans unha gaita de verdade, en comparación coa que tiña. Era tanta a diferenza en termos de afinación, timbre, aspecto e acabados… que non houbo volta atrás. Dende aquel momento, a miña vida cambiou. Así de claro o sentín o mesmo día que chegou aquela primeira beleza: era unha gaita en Dó, de Pao Santo, con anelado en metracrilato negro, feita por Álvaro no obradoiro que tiña cando estaba vivindo en Barcelona.
En febreiro de 1996 coñecinos a todos en persoa, no obradoiro de Cambre: dende ao patriarca Don Xosé, aos seus fillos Álvaro e Xosé, Susana e Saínza, e a todo o equipo. Dende entón fun incorporando novas gaitas á miña colección, como a de Re, outra mais en Dó, a de Sib, La, etc. e fun crecendo e adaptándome ás evolucións constantes que foron xurdindo no obradoiro, como o paso para o fol de cabrito, logo o Goretex, o Seitor, o Seipal, ou calquera tonalidade que precisara para a gravación. Sen dúbida como músico profesional, as gaitas Seivane fixéronme a vida moito mais precisa e fácil. Ata hoxe, coidando e alimentando unha amizade, da que estou ben orgulloso.
Músico interdisciplinar, compositor e director de orquesta internacional.
¿Qué me aporta Seivane? Froito da visión ecléctica na elaboración do instrumento, xurde unha das pedras angulares das que fai gala o Obradoiro: a súa precisión. Esto cómprese en tódolos aspectos do proceso dende o principio, cando se escolle a madeira, ata os últimos acabados; e como intérprete é para min unha condición indispensable.
Esta precisión ten repercusión noutro punto importante: a fiabilidade. O feito de que tódalas pezas da engrenaxe da construcción estean ben controladas, e non se deixe lugar ao azar, fai que poidamos gozar dun instrumento estable no tocante á afinación e ó timbre. Esto é o que fai posible a interpretación noutros marcos menos habituais, ata o de agora, para a gaita.
Seivane sempre se atopou no epicentro do mundo da gaita, achegando os requisitos que o gaiteiro necesita; e así debe seguir, sen descoidar nunca que a carreira pola perfección nunca se acaba.
Un dos gaiteiros máis laureados do certame MacCrimmon, do que foi gañador en catro edicións. Participou en numerosas gravacións e agrupacións musicais, é profesor de gaita e percusión tradicional no CEIP de Bergantiños.
A miña primeira relación coa gaita foi coa idade de 12 anos, na Escola de Gaita de Ribeira. Dende a ignorancia de calquera neno que aprende, é función obrigada do mestre facer que as súas propias inquedanzas sobor da Gaita sexan transmitidas aos seus alumnos (Afinación, sonoridade, interpretación…). De aí que, pouco tempo despois, a miña “ignorancia” foise trocando, a base de moitas horas de traballo, en esixencia, chegando a converterse en xeito de vida, tanto emocional coma profesional.
Unha vez claras as miñas necesidades como gaiteiro, decidín encargar, no ano 1992, un punteiro en Dó (granadillo) de Seivane, (xa na Escola de Gaita estabamos utilizando punteiros en Si Nat. Seivane), co que empecei a facer os meus primeiros festivais e concursos como Gaiteiro solista.
Hoxe en día, dispoño de tres gaitas Seivane: Si B, Dó e Re, (+ punteiro Si Nat e Dó #), que me deron moitos éxitos e satisfacións, e coas que percorrín e levei o son da Gaita, polo mundo adiante.
Na evolución da Gaita, hai unha grande responsabilidade da familia SEIVANE, que ó longo da súa traxectoria coma artesáns, souberon xunguir a esencia das Gaitas antiguas, coa sonoridade e afinacións que actualmente se esixen na diversidade de agrupacións instrumentais.
Anímovos a seguir traballando así.
Unha aperta moi grande.
Prestixioso gaiteiro do célebre grupo de música folk Milladoiro.
Coñecín persoalmente a Xosé Seivane alá polo ano 1978 nas reunións que faciamos en Ortigueira e que posteriormente darían lugar ó nacemento da Asociación de Gaiteiros Galegos. Alí coñecín tamén a Ricardo Portela, cos dous mantiven unhas moi boas e fructíferas relacións e sobor de todo unha fonda amistade. Foi tamén daquela cando empecei a descubrir a maxia e o embruxo do son das gaitas que salían do obradoiro da Ribeira de Piquín.
Sempre recordarei a primeira visita o seu “santuario” como un camiño iniciático, como unha peregrinación as orixes , as fontes do son (alí preto nace outra das señas de identidade do noso País: o Pai Miño). Como en toda romaxe que se precie despois do alimento da alma veu o alimento do corpo e nesta ocasión foron unhas excelentes troitas procedentes das augas cristalinas dos ríos da zona,ben coñecidos polo amigo Seivane.
A partires de entón e ata hoxe as miñas relacións co obradoiro de Seivane,actualmente cos seus fillos Álvaro e Xosé ó frente, foron fluídas e recíprocas.
Das súas gaitas nada teño que decir que elas non digan coa súa voz inconfundible, doce e vigorosa a un tempo, irrepetible. Persoalmente teño debilidade polo seu Dó brillante que me fai evocar as esencias máis fondas da Terra.
Nin que decir ten que o apelido Seivane é xa un referente obrigado para a música do noso País.
Profesor, investigador, teólogo, filólogo e escritor galego, con numerosas publicacións. Membro da RAG, cando ingresou nesa Corporación, soou alí a gaita de Susana Seivane. Gran divulgador, dirixiu e presentou varios exitosos programas na TVG sobre cuestións lingüísticas como o programa Ben Falado! (benfalado.gal)
Seivane é a marca dunha gaita de alta calidade, que deixou atrás para sempre problemas técnicos ancestrais de afinación e timbre do instrumento recibido. Seivane é unha gaita que acabou coa estridencia; unha gaita que conseguíu unha afinación perfecta e un timbre vibrante pero redondo.
Unha gaita de Seivane fai bailar unha Carballeira enteira pero tamén fai vibrar unha orquestra sinfónica. Unha gaita de Seivane pode cantar lírica e pode convocarnos á épica. Unha gaita de Seivane precisa un gaiteiro da mesma calidade ca ela.
¿Cantos milleiros de muiñeiras e ribeiranas soaron coas gaitas de Seivane? ¿En cantos Países soaron gaitas de Seivane? ¿Cantas mozas en cantos Países saíron a bailar ó son dunha gaita de Seivane? ¿Cantas se namoraron para sempre do seu mozo ó son dunha gaita de Seivane nese momento no que a historia do mundo dá, nalgún lugar, un pasiño adiante? ¿Canto valor afectivo transporta o son dunha gaita de Seivane? ¿Cantos problemas se aplacaron cunha gaita de Seivane? ¿Canto vale, se ben se computan os factores todos, unha gaita de Seivane?
Seivane é a marca dunha gaita de alta calidade, que esixe un gaiteiro de habilidade equivalente, porque expresa a calidade dos afectos desta tribu.
Seivane é hoxe un dos apelidos máis ilustres de Galicia.
Seivane é o Stradivarius da música popular e anónima de Galicia.
Gaiteiro autodidacta cunha ampla traxectoria, participou en numerosas agrupacións, e impartiu clases de gaita, percusión e música galega.
Andaba naquela altura dos incipientes anos 70 xogando a gaiteiro, sen medios e sen referentes obvios, cando no 1972 e por mediación do meu amigo e veciño Roberto alcancei entrar no mítico Cántigas da Terra, o veterano coro da Coruña. E así, por fin tiven oportunidade de ver de preto, de apalpar e mesmo insuflar o meu alento nunha gaita verdadeira! Compartía alboradas, e tocatas varias acompañando aos míticos ‘Os Cinco de Galicia’, ou ‘Os Matos’, pero sempre de prestado.
Nestas, Adolfo Fernandez Riopedre, o pai de Miguel, un alumno meu de Santa Margarita, faloume dun amigo que facía unhas gaitas ben xeitosas e ao que iba a encargarlle unha para o seu fillo. Pedinlle que lle dixera se podía amañar un fol de pelica. En pouco tempo, a gaita veu co fol de pel axeitado. Tiña un son claro, limpo coma a auga dun manancial. Gustoume. E por un bo prezo, cinco mil pesetas, encomendei unha gaita de catro voces e con dous punteiros de Sib e Dó, e os espigos adaptables para os dous afinamentos. Mais fíxelle unha advertencia: “que a faga ben feita, que se sae boa, ha ter choio que non ha dar feito”.
No mes de Nadal de 1974, coñecín a aquel home de aspecto agradable, aló nos cincuenta anos, de bigotiño fino e sombreiro tirolés e entusiasta do seu traballo quen me entregou na man unha gaitiña, feita de buxo, cun torneado singular e anelada en hasta.
Dende ese momento, Seivane sería para min o tótem, o meigo da gaita, e así, doce anos despois, quixen a miña Gaita Total. En madeira de granadillo, fol de cabrito, en Sib e de catro voces, con chión de palleta, como é de precepto para o tipo tradicional. A miña gaitiña de son doce, que andou medio mundo con alegrías e pesares, en festas, romarías e foliadas, máis chea, sonora, cunha liña estética, aínda que deseñada por min, de inspiración tradicional, e co toque persoalísimo do Seivane.
Hoxe amósolle ao mundo o prestixio de levar contra o ombreiro unha marca sobranceira, coa soleira do selo da Ribeira de Piquín. Hoxe vou con orgullo e agradecido por un xeito de facer, e pola artesá, porque Seivane son artesáns, e pola arte infinda do etéreo da música, porque Seivane son artistas.
Símbolo da identidade cultural do noso pobo, a gaita ten en Seivane a súa seña de identidade.
Gaiteiro, saxofonista, arranxista e compositor galego. Investigador e docente, fundador e director de grupos de referencia. Atesoura un dos currículos máis laureados da música tradicional de Galicia.
Coñecín a Seivane a finais dos anos 80, cando os meus compañeiros e máis eu lle encargarmos a nosa primeira gaita para o grupo “Garrulaxe” de Cecebre. Naquel tempo, esa gaita era, para min, un tesouro, a pesares de non ter aínda a capacidade para apreciar as cualidades sonoras e constructivas que definen aos instrumentos saídos deste obradoiro en Volteiro, moi preto da miña casa.
Esta proximidade fixo de min un privilexiado coa oportunidade de entrar e saír dese marabilloso lugar en incontables ocasións ata hoxe, sendo testemuña ao longo de todos estes anos da evolución do propio obradoiro e dos instrumentos construídos no mesmo.
Entrar no taller de Seivane é como abrir unha fiestra con vistas ao pasado, presente e futuro do noso instrumento. Un mundo de fotografías, punteiros, pezas en restauración e gaitas novas e vellas conviven neste templo para calquera estudioso con afán de indagar no desenvolvemento histórico da nosa gaita de fol. Aquí coincidín con moitas persoas vinculadas coa nosa cultura que recorren ao bo facer destes artistas.
O decorrer destes anos evidenciou, na miña opinión, dúas premisas fundamentais do obradoiro: o extremo coidado e precisión co que son manufacturadas todas e cada unha das partes da gaita, e a preocupación permanente por acadar a maior calidade sonora e tímbrica da mesma. Este punto ven a dar reposta á inquedanza destes artesáns na procura de solucións técnicas e constructivas ao servicio das novas xeracións: se algo define ao Obradoiro Seivane é a súa capacidade para atender ás preocupacións de todos os que amamos o noso instrumento, acadando melloras que se fixeron patentes ao longo de todos estes anos e que hoxe aproveitamos.
A teima do obradoiro en preservar toda a riqueza tímbrica da gaita con especial atención á simbiose que resulta da conxunción de todos e cada un dos elementos sonoros que a conforman, fan do traballo da familia Seivane unha das máis honestas contribucións ao mundo da gaita galega.
En nome de todos os amantes da música tradicional e no meu propio: gracias por contaxiar da vosa arte e humanidade ao noso instrumento.
Gaiteiro e saxofonista, imparte aulas de música tradicional galega e dirixe a orquesta de jazz do Conservatorio Profesional de Música de Ourense.
Cando te dedicas profesionalmente á Gaita Galega, ben sexa como ensinante ou como intérprete, aprecias particularmente algúns importantes detalles que o Obradoiro Seivane acada e que o converten en lugar moi especial.
Como mestre do instrumento preciso traballar co mellor material posible no menor tempo posible e o Obradoiro Seivane, coa súa aposta polas novas tecnoloxías, permite acadar uns instrumentos cunha calidade impresionante nun prazo razoablemente curto. Todo esto, por suposto, sen perder o acabado final artesanal que leva o seu selo dende hai décadas.
Como instrumentista, o que máis admiro das súas Gaitas, que emprego dende hai máis de vinte anos, é a súa versatilidade á hora de enfrontarse a diferentes situacións musicais. No meu último traballo discográfico titulado “Esperanza” e que gravei ao vivo, emprego un dos seus instrumentos na obra para Piano e Gaita solista “Luces do Atlántico”, do compositor Ernesto Campos. Esta obra pon á Gaita ao límite da súa capacidade en canto á afinación, técnica e tesitura; sen embargo, o resultado sonoro foi máis que satisfactorio.
Por todo isto non podo máis que, como mestre e intérprete, recomendar os instrumentos do Obradoiro Seivane xa que, sen dúbida, valen moito máis do que custan.
Ao longo da súa traxectoria como intérprete, foi membro e colaborador de diversos grupos e orquestras, tanto en Galicia como en Barcelona. Ademais, dende os anos 80 ata a actualidade, destaca como mestre de gaita en diversas escolas de música de Barcelona.
“Qué pouco se necesita para ser feliz: o son dunha gaita. Sen música, a vida sería un erro…” No principio dun dos seus aforismos, Nietzsche plantexa este par de cuestións, que tal vez nunca deberamos esquecer.
Dende aquí, quixera dar as grazas a todos os compoñentes do Obradoiro Seivane por axudarnos a que ese son que produce a felicidade sexa cada vez máis agradable, máis redondo, máis perfecto, máis… fermoso; e por aportarnos uns instrumentos que nos permiten crear esa música que fai que as nosas vidas non sexan simples erros.
Finalmente, quixera deixar constancia de que, grazas as súas constantes investigacións, os instrumentos que saen do obradoiro resultan cada vez máis versátiles, máis afinados, máis ergonónimos, máis…sinxelos de tocar. Por isto, sempre recomendo aos meus alumnos que utilicen gaitas Seivane nos seus estudos; xa que cando empezas a tocar, dispor dun instrumento fiable dende o principio facilita moitísimo a túa iniciación como intérprete.
Prestixioso gaiteiro do emblemático grupo Treixadura e mestre no CEIP As Covas-Meaño.
Teño pensado algunha vez que tería feito da miña vida se non tocara a gaita, se non gardara ningún tipo de relación coa música tradicional… Ás veces resulta incríble o que unha pequena decisión como a de asistir ou non a unhas clases de gaita pode condicionar o resto da túa vida. No meu caso penso que foi así, posto que o que o futuro me deparou na miña vida laboral estivo, e está, moi relacionado con aquela decisión que tomei ós 9 anos: “Eu quero aprender a tocar a gaita”.
Evidentemente transcorre un tempo entre que comezas ata que alcanzas unha mínima madurez que che permita saber realmente que é o que buscas e o que queres facer. Alá cando tiña 16 anos, escoitara uns punteiros recién estreados ós Faíscas de Solobeira (Chilro e Xocas) e decidín que tiña que facerme cun punteiro como aqueles (o presuposto non me daba aínda para mercar a gaita enteira): con sonoridade, con brillo, melosos, feiticeiros e afinaban!!! Todo isto o penso agora, daquela simplemente quedara prendado deles. Pasado un tempo merquei a gaita completa. Dende entón veño tocando sempre coas gaitas de Seivane.
Tras aquel punteiro en Dó virían un en Re natural, Si bemol, Re pechado e La natural. Ultimamente téñolle o ollo botado a unha gaita en Fa grave da que estou… namorado.
En Treixadura, ademais do xeito e son que poidamos aportar cada un de nós ó grupo, eu estou convencido de que un tanto por cen importante do son que nos define e caracteriza é “responsabilidade” do Obradoiro de Gaitas Seivane, do cal, por suposto, sentímonos congratulados.
Certamente, non entendería a miña vida sen a gaita e non entendería a gaita sen Seivane. Sei que isto que digo é algo subxectivo e condicionado ós meus gustos e preferencias persoais, mais obxectivamente reafírmome no dito. Calquera persoa que coñeza un pouco da historia máis recente da gaita e a nosa música tradicional ten que recoñecer o traballo da familia Seivane a prol da súa conservación, difusión, defensa e adaptación ós novos tempos.
Por todo iso, Seivane(s): Obrigado, moito obrigado!!
“O gaiteiro de Fragoso”, foi o primeiro profesor de gaita do Conservatorio de Vigo. Prolífico compositor, histórico gaiteiro e mestre.
Como gaiteiro e como autor, ríndolle o meu profundo agradecemento ao Obradoiro Seivane polo traballo desenrolado na construción de gaitas ou cornamusas.
Os que nos sentimos gaiteiros, pedímoslles que segan a facer as súas gaitas nas que poidamos executar unha escala musical por semitonos cromáticos con toda nitidez, sonoridad, perfección e afinación.
A miña admiración para este Obradoiro.
Poema do gaiteiro:
«Cando a gaita soaba era gaiteiro.
Cando o gaiteiro tocaba,
era a gaita quen cantaba,
e quen choraba.»
Músico, compositor e director da Orquestra Folk de Santa Bárbara, EEUU.
Entón, que dicir das gaitas Seivane! Son poderosas sen ser opresoras. Son elegantes e refinadas sen ser demasiado delicadas. Son maleables sen perder a estabilidade. Son innovadoras sempre mantendo a ruta de volta a casa e o pedigrí da súa terra natal. Son modernas aínda que conservan esa conexión intanxible co pasado afastado que todo gaitero sente e recoñece.
Como fundador e director musical da Orquesta Folk de Santa Barbara, teño a gran sorte de posuír e interpretar moitos instrumentos diversos de todo o mundo. Cada vez que collo unha gaita Seivane quedo abraiado pola artesanía, a calidade do ton, a estabilidade, o estilo, e a atención ao detalle que dan como resultado uns instrumentos que son unha ledicia para tocar. Para min, estar envolto por unha gaita Seivane, rodeado do ronco, da ronqueta, do chión e do punteiro, mentras interpreto cos amigos, coa miña orquestra ou só, é unha experiencia incomparable.
Estou orgulloso de considerar amigos a Álvaro, Xosé e Saínza, pero independentemente diso, estou moi agradecido polo seu fermoso e minucioso traballo.
Multipremiado gaiteiro e mestre de gaita en diferentes agrupacións, fundou a súa propia escola en Ourense, Tradigaita, que leva o mesmo nome que a súa exitosa canle de YouTube.
Supoño que o meu caso é común a moitos gaiteiros. Cando eres cativo e chega as túas mans a túa primeira gaita Seivane, un non é consciente do que ten realmente. Esa sensación de que todo é moito mais doado é o primeiro que se me ven a cabeza cando recordo aquel momento. Por sorte, co paso dos anos e a medida que un vai mellorando, vaise facendo consciente de que as gaitas Seivane son moito máis que unha simple gaita: calidade, fiabilidade, evolución, precisión, unha afinación perfecta e un timbre único que fan que sexa moi sinxelo exprimir ao máximo o instrumento en calquera circunstancia e ambiente, por moi esixentes que sexan.
É por iso que falar de gaitas Seivane non soamente é falar dunha traxectoria de máis de 80 anos adicados ao mundo da gaita, senón que tamén é sinónimo de respecto pola tradición, evolución, compromiso e, sobre todo, escoitar e converter tamén en súas as preocupacións coas que os gaiteiros acudimos ao obradoiro.
Finalmente, non podo rematar estas verbas sen expresar o meu máis sincero agradecemento a todo o equipo que conforma o Obradoiro de Gaitas Seivane por facer que me sinta como na miña casa cada vez que visito o obradoiro e por contaxiarnos a paixón que senten pola gaita.
Gaiteiro, director e profesor na centenaria Agrupación Rosalía de Castro de Madrid, e no Centro Galego de Madrid, Móstoles e Burgos.
Alá polo ano 2008, andando cos meus pais polo centro de Madrid, vimos o Centro Galego, e o mesmo día dixeronme: Non te gustaría aprender a tocar a gaita, Miguel? Dende aquel día ata a actualidade sigo namorado deste marabilloso instrumento.
Comecei a miña andadura con Daniel Bellón sendo el a persoa que me ensinou tanto a ser gaiteiro como a ser músico. A través da súa orientación levoume a coñecer a familia Seivane. Ir ao Obradoiro Seivane é como ir a casa, o trato e amabilidade de todos fan que esteas nun sitio acolledor e familiar.
No ano 2009 por fin tiven a miña primeira gaita, regalo do meu avó e dos meus pais. Aínda recordo como se fora onte a sensación que tiven a primeira vez que a fixen soar, aí foi onde me din conta da calidade e amor que poñen ao facer todos os seus instrumentos. Das súas gaitas diría que son a versión 2.0 da actualidade, ofrecen a calidade no seu son e un gran avance na súa estrutura e desenrolo, cun acabado adaptado totalmente á persoa. A versatilidade e os estudos que levan a cabo para crear as diferentes gaitas que hai no seu catálogo fan que sexan referentes para todos os que tocamos a gaita. Para mín e para os meus, sempre son de gran axuda, fan que tocar a gaita sexa mais cómodo e preciso na afinación, grazas a súa marabillosa creación, o Seitor.
Actualmente son docente nos Centros Galegos de Madrid, Móstoles e Burgos, e director da banda de gaitas da Agrupación Artística Gallega Rosalía de Castro do Centro Galego de Madrid, onde máis da metade dos alumnos teñen gaitas Seivane.
Grazas por todos estes anos de amizade e profesión.
Mestre gaiteiro da AGADIC e músico colaborador de varias agrupacións musicais.
Lembro as vacacións do ano 84 cando me acheguei co meu pai ao taller que D. Xosé Seivane tiña en Ribeira de Piquín. Foi alí onde por primeira vez vin gaitas talladas e gaitas con incrustacións… toda unha novidade da que quedei gratamente sorprendido. Tentado pola emoción, non puiden resistirme sen tocalas e de súpeto encargar as dúas primeiras gaitas en Dó, madeira de granadillo. Sentir a súa dozura e brillantez, foi toda unha experiencia e por ende, un éxito cando tocábamos nos centros galegos de Euzkadi que tanto frecuentábamos ao vivir naqueles lares.
Cónstame que foron moitos os alumnos de Bilbao, Llodio, Pamplona… E posteriormente en Galicia, Oza-Cesuras, Curtis… os que non dubidaron en mercar gaitas feitas no obradoiro Seivane sen sentir endexamáis unha queixa. Non hai dúbida, falar dunha gaita feita por eles é sinónimo de exquisitez e garantía. Con xusta lóxica, os gaiteiros identificamos ao apelido Seivane co selo e apelido da gaita.
A nivel profesional, considérome un privilexiado por ser a gaita o meu instrumento de traballo. Se a iso lle sumamos que todas as gaitas que manexo (Fa grave, Sol, Sib, Dó, Re e Fa agudo) foron feitas polo obradoiro Seivane, acado a dose de tranquilidade, fiabilidade, estabilidade e versatilidade necesaria para tocar coa formación e instrumentos que sexa menester.
Afortunadamente, na actualidade contamos con grandes intérpretes que coñecen e dominan perfectamente a técnica da gaita, pero non quitemos mérito aos magníficos artesáns que traballan decotío na procura de mellorar e dignificar o noso aerófono máis representativo, convertíndoo nun instrumento relevante de primeira categoría.
Parabéns neste senso á familia Seivane e grazas no terreo persoal pola hospitalidade e amabilidade coa que sempre me trataron. Longa vida!
Premiado gaiteiro, compositor e profesor de gaita.
Non teño dúbida que un dos principais factores en dar a miña credibilidade ás gaitas do Obradoiro Seivane, é a sua distintiva calidade de son. Dende sempre, chamoume a atención o seu son ben centrado, claro, e sobre todo equilibrado co resto dos tubos sonoros que compoñen este instrumento, característica que dende o meu punto de vista é un dos propósitos máis difíciles de acadar.
Pero falar das gaitas Seivane non só é falar dunha sonoridade propia, senón tamén de fiabilidade, calidade nas madeiras, garantía, e como non, innovación. Son moitos os aportes da familia de artesáns á nosa gaita de fol, froito do seu tempo invertido na investigación e na mellora dun instrumento que está a alonxarnos a pasos axigantados do popular mito da desconfianza e limitacións deste instrumento no referente á súa afinación. Algúns dos seus últimos grandes logros, como o Seipal ou o Seitor, teñen un valor importante en términos de estabilidade na afinación e practicidade de uso nas eventuais correccións da mesma, cousa que ata fai pouco parecía ser un soño para os gaiteiros.
Estes grandes avances, así como moitos outros detalles, fan que me sinta cómodo e seguro cun instrumento que cubre con creces as miñas necesidades como instrumentista, así como as de moitos outros gaiteiros de nova xeración. E é que para min, a comodidade e a fiabilidade, son dúas cualidades imprescindibles nun instrumento, o cal consideroo unha prolongación de min mesmo que sen el non podería conquerir de ningún xeito o que pretendo expresar coa música.
Gracias aos Seivane, pola vosa atención e polo amor e dedicación a este gran instrumento.
Gaiteiro e profesor titular na Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña. Autor de varias obras de gramática e lingüística galego-portuguesa e do libro sobre o noso patriarca: Xosé Seivane. A gaita con maiúscula (2019).
Facer dun anaco de madeira un instrumento musical non é doado: seleccionala, secala, coidala, preparala, furala etc. son tarefas que enforman todo o proceso construtivo e que costuman concluír na elaboración de diferentes tipos de exemplares. Mais facer da madeira (neste caso o buxo, o granadillo, o cocobolo ou o pau santo) a alma musical dun país é un labor moito máis complexo que só conseguen moi poucos artesáns. O Obradoiro de Gaitas Seivane, que, como é sabido, comezou a súa andaina na Terra Chá lucense en 1939 da man do patriarca Xosé Seivane e que hoxe continúa esa dedicación nas Mariñas Coruñesas grazas aos fillos Álvaro e Xosé Manuel, conseguiu atinxir ese complicado obxectivo: maridar o son de cada gaita galega coa cerna musical da Galiza.
Varias son as características das gaitas elaboradas polo carimbo Seivane que, ao meu modo de ver, contribúen para as singularizaren. Primeiramente, a perfecta combinación da escala natural das gaitas antigas co modo temperado moderno, que fai posíbel que cada instrumento poida aparecer en formacións ben diferentes sen por iso perder a súa enxebreza acústica tradicional. En segundo lugar, o timbre, que serve para distinguir con total nitidez cada gaita Seivane doutras de diversos construtores. A seguir, a posibilidade de tocar con varios recursos técnicos, meritorio logro que deixa liberdade para se decantar ocasional ou habitualmente por determinadas posturas na dixitación, o que non adoita acontecer con gaitas doutras procedencias. En cuarto lugar, a confortábel forma do fol, asentada na tradición, que permite a cada intérprete tocar comodamente sen caer na tan común e antiestética necesidade de virar a cabeza cara á esquerda ou mesmo no vicio de coller mal o depósito de ar. Igualmente, un exquisito acabado e torneado da madeira, onde todos e cada un dos milimétricos adornos adquiren un relevante protagonismo ornamental. En sexto lugar, a particularización estética e acústica de cada instrumento acorde co gosto do gaiteiro ou da gaiteira, o que implica, por exemplo, a adaptación da gaita a cada persoa para así tocar con maior comodidade, a flexibilidade que permite acentuar a dureza do punteiro para acrecentar a potencia sonora sen por iso renunciar á afinación e á tímbrica etc. E, finalmente, unha característica non menos importante: a galeguidade do instrumento, que, sen deixar de lado a constante investigación e mellora, serve para identificar tanto morfoloxicamente canto acústica e timbricamente as súas gaitas.
En definitivo, un instrumento construído no Obradoiro Seivane permítenos escoitar a secular esencia musical da nosa patria: é capaz de nos transportar a outros tempos da man da modernidade do século XXI e de nos tornar testemuñas activas da paisaxe e das xentes da Galiza non só nun serán ou nunha reunión familiar, mais tamén nos teatros e escenarios máis exclusivos do mundo.
Gaiteiro de Barakaldo, mestre de gaita galega e músico en diversas formacións.
Sen dúbida, o falar dunha gaita Seivane é falar dun instrumento de alta gama. A súa fiabilidade e estabilidade na afinación, o seu son doce e a sua compensación e cromatismo, fan que resulte doado afinar con outras gaitas, con outros instrumentos das distintas familias e, incluso, dar unha rápida resposta ante os cambios metereolóxicos bruscos.
Se ademáis, engadimoslle a esto un trato persoal exquisito, unha empatía enorme co músico, unha tradición de décadas no eido artesán e unha aposta firme pola innovación e o futuro… Que máis se pode pedir? Seivane é garantía de por vida.
Eu son de Seivane!
Unha fonda aperta!
Gaiteira e multi-instrumentista, recoñecida internacionalmente polo seu virtuosismo e exitosa carreira musical, neta do fundador e filla de Álvaro Seivane.
Nacer no seo da familia Seivane, xa implica que vas ter contacto coa gaita dalgún xeito. Dende pequena, eles souberon transmitirme moi ben toda unha filosofía de vida, o amor polo noso instrumento, a paixón pola nosa cultura e tradición.
Verdadeiramente, síntome moi orgullosa deles, do gran traballo que teñen feito dende que o meu avó abrira o seu primer Obradoiro de gaitas alá polo ano 39.
Todos os veráns, pasabámolos en Ribeira de Piquín, no Chao de Pousadoiro. Meu curmán Jorge e máis eu tocábamos polo pobo adiante e comezabamos a gañar os nosos cartiños e golosinas.
Recordo que O Chao sempre foi como un sitio de peregrinaxe de moitos gaiteiros e gaiteiras que ían buscar as súas gaitas. Era toda unha aventura chegar ata alí por aquela estrada na que se facía un tramo do Rally do San Froilán. Eu sempre me sentín privilexiada de ter as fontes de aprendizaxe na casa. Por alí aparecían grandes gaiteiros e amigos da miña familia, como Ricardo Portela, Moxenas, Milladoiro, etc, cós que tiven contacto dende moi pequena e a sorte de poder tocar con eles e deixarme influenciar có seu xeito de entender a nosa tradición. Hoxe por hoxe, por suposto que me parecen os mellores construtores de gaitas, non porque sexa a miña familia, senón porque dende pequena, entendín que o seu obxectivo era levar o noso instrumento ó máis alto, e con moito esforzo e moitos anos de investigación, conseguírono.
Un dos gaiteiros máis populares e polifacéticos de Galicia, mestre de gaita en diferentes agrupacións, viaxou polo mundo coa gaita, integrante do grupo Os Tempranos de Eirís, entre outros.
Transcorrían os anos setenta, ben entrados, cando o que escribe estas liñas, Pepe Temprano, gaiteiro, xunto có tamén gaiteiro Xosé Cardelle, dispoñíamonos a localizar a un constructor de gaitas, chamado D. Xosé Seivane, que tiña un pequeno obradoiro en Ribeira de Piquín, provincia de Lugo, no que realizaba gaitas. Chegando a Meira preguntamos por el e lembro perfectamente a un home que moi cauteloso nos di: “Vaian amodo, non teñan que collelos con lazo”. Coas súas palabras quedamos abraiados. Máis tarde compredímolo, era debido a que a estrada estaba sempre bordeada de precipicios. ¡Marabilloso lugar!
Ó chegar ó obradoiro, alí estaba D. Xosé Seivane,, momento no que o coñecín, estaba facendo unha zanfona, para uso persoal, coa súa maestría e humildade características.
As gaitas construídas por este home teñen un timbre do país, ¡auténtico! E unha dozura só comparable có amor. ¡Non xa máis notas falsas!, remataron as dificultades de afinación, gracias a esa maestría antes mencionada.
Galicia estaba necesitada de construtores da súa categoría porque as gaitas de D. Xosé falan galego.
Esta destreza, ben demostrada ó longo de tantos anos, continúa na actualidade a través das non menos notables mans dos seus fillos, Álvaro e Xosé , continuadores desta gran laboura téndose trasladado toda a familia dende aquel pequeno obradoiro en Lugo á localidade coruñesa de Cambre, na que se instalaron hai xa uns cantos anos, e onde teñen unha gran fábrica ben coñecida por todos.
Dende o punto de vista dun gaiteiro, non podo deixar de mencionar tamén á súa neta, Susana Seivane, que ten levado máis alá das paredes desta fábrica familiar o son da gaita, xa que é unha gran gaiteira coñecida a nivel internacional, polo que esta gran familia se adica en corpo e alma ó “son” de Galicia que é a Gaita.
Os Seivane forman parte xa da historia de Galicia como a formaron en Italia os Stradivarius ou os Amati ou en Francia os Laurent, etc.
Deséxolles o mellor dun gran amigo.
Gaiteiro, compositor e profesor de gaita.
Aínda lembro aquel día de 1982. Acababan de chegar ao colexio dúas gaitas de un tal “Seivane”, que disque eran do melloriño naqueles intres. Lémbroo como si as tivese diante agora mesmo: buxo (daquel buxo daqueles tempos) aneladas en alpaca cromada e cun vestido azul e branco. O fol era de goma, claro. Lembrade que estamos falando do ano 82.
¡Cánto mudaron as cousas no mundo da gaita dende entón, e penso que a meirande parte delas para ben! Alá polo ano 1989 coñecín primeiro a Álvaro; e logo, co tempo, coñecín a José, o patriarca, e a José, o irmán. Desta amizade xurdiron grandes cousas. Cada vez que ía polo taller amosábanme un punteiro que tiña tal cousa, un fol desta ou destoutra maneira, falabamos de materiales, de estéticas…
E penso que por eso, e por outras moitas cousas, a Familia Seivane sempre estará na punta do iceberg dos artesáns de gaitas en Galicia. Porque saben escoitar e preguntan, e agradecen calquera opinión e suxerencia que un lles faga. Pero é que o seguen a facer na actualidade despois de todos estes anos construindo unhas das mellores gaitas galegas que se poden facer en Galicia.
Prestixioso gaiteiro de Treixadura, Sondeseu, Os Xesteira e ETRAD Escola Municipal de Vigo, entre outros.
Un gaiteiro, músico e artista; busca sempre co seu aliado inseparable, a gaita, mover, conmover, emocionar, provocar diferentes sensacións no interior das persoas.
Cando era un neno emocionábame cos sons que adentrábanse dende o lonxe na tranquilidade da mañá do día de festa; sons, que se adentraban no meu corazón e no meu pensamento; sons, de pedra, madeira e cana; sons, que enchían de emocións tímbricas as rúas do meu pobo nesa mañá; sons, que tornaban en sensacións. Callando dun xeito grandioso ese ambiente no meu interior, e sobre todo, esa harmonía tímbrica e melódica, naquel momento personificado nuns artistas-gaiteiros que chegaban dunha parroquia de Vilagarcía, facéndose chamar Os Campaneiros.
Durante as numerosas experiencias musicais vividas, na infancia e na adolescencia, a miña teima sempre foi intentar revivir esas sensacións que tiña gravadas no meu interior. Pero non o conseguía. Faltaba algo.
A gaita é un instrumento que chega directamente ó corazón, e chega polas tres características indiscutibles que posúe: afinación, sonoridade e timbre.
Coas diferentes gaitas de diferentes artesáns que, ó longo dos anos, iba coñecendo e empregando, reunían casi dúas das tres características esenciais, que eu considero necesarias, da gaita.
Faltaba esa terceira, o timbre, ese elemento que convirte o son nunha sensación. Ese timbre que torna a gaita nun instrumento máxico, que te envolve. Cando, tocando por unha rúa empedrada, conmóvete de tal xeito que o corazón comeza a latir aceleradamente. Pechas os ollos e lembras esa mesma sensación, esa emoción tímbrica que de neno enchíate de ledicia.
A familia Seivane soubo xunguir as tres grandes cualidades da gaita cunha maestría insuperable, sendo os responsables, nunha boa parte, do son dos grupos nos que formo parte.
No camiño da vida como gaiteiro, houbo un momento crucial: cando coñecín a tímbrica dos punteiros que naquel momento construía Xosé Seivane en Ribeira de Piquín.
Unhas gaitas nas que a súa tímbrica lémbrame aquelas que escoitaba de neno, esa tímbrica que chega a emocionar, a conmover dun xeito grandioso, provocando, ó mesmo tempo, que as sensacións gardadas no interior alimenten a alma, e, polo tanto, se reflexen no rostro.
Este sitio web utiliza cookies
Usamos cookies para personalizar o contido e os anuncios, proporcionar funcionalidades de redes sociais e analizar o noso tráfico. Tamén compartimos información sobre o teu uso do noso sitio cos nosos socios de medios sociais, publicidade e análise, que poden combinalo con outra información que lles proporcionaches ou que recolleron do teu uso dos seus servizos.
Necesarias
As cookies necesarias axudan a facer unha web utilizábel habilitando funcións básicas como a navegación na páxina e o acceso a áreas seguras da web. O sitio web non pode funcionar adecuadamente sen estas cookies.
Preferencias
As cookies de preferencias permiten que un sitio web lembre información que cambia a forma en que o sitio se comporta ou parece, como a túa lingua preferida ou a rexión na que estás.
Estatísticas
As cookies estatísticas axudan aos propietarios dos sitios web a comprender como os visitantes interactúan coas webs recollendo e informando información de forma anónima.
Marketing
As cookies de marketing úsanse para seguir aos visitantes nos sitios web. A intención é mostrar anuncios que sexan relevantes e atractivos para o usuario individual e, polo tanto, máis valiosos para os editores e anunciantes terceiros.
As cookies son pequenos arquivos de texto que os sitios web poden usar para facer a experiencia do usuario máis eficiente.
A lei di que podemos almacenar cookies no teu dispositivo se son estritamente necesarias para o funcionamento deste sitio. Para todos os outros tipos de cookies necesitamos o teu permiso.
Este sitio utiliza diferentes tipos de cookies. Algúns cookies son colocados por servizos de terceiros que aparecen nas nosas páxinas.
Podes cambiar ou retirar o teu consentimento da Declaración de Cookies no noso sitio web en calquera momento.
Aprende máis sobre quen somos, como podes contactarnos e como procesamos os datos persoais na nosa Política de Privacidade.